Uxía é considerada a grande dama da música galega. Nos seus máis de 30 anos de carreira artística, renovou a música tradicional galega conectándoa coas culturas atlánticas, mesturando alalás con morna, fado e ritmos brasileiros.

Compositora e música

(Sanguiñeda-Mos, 1962)

Uxía é considerada a grande dama da música galega. Nos seus máis de 30 anos de carreira artística, renovou a música tradicional galega conectándoa coas culturas atlánticas, mesturando alalás con morna, fado e ritmos brasileiros.

Desde a súa estrea con Foliada de marzo (1986), a súa achega foi prolífica en proxectos como o grupo Na Lúa (a destacar Ondas do mar de Vigo, en 1989), como artista en solitario (con discos históricos, como Estou vivindo no ceo, en 1995); ou en asociación con Narf (ese soberbio Baladas da Galiza imaxinaria, en 2015), chegando a case vinte traballos editados. Tamén produciu e compuxo para os primeiros discos de Emilio Rúa, Cantareiras do Berbés, Malvela ou a Señora Carmen.

O seu interese por achegar as novas xeracións á música en galego levouna a xestar e producir importantes proxectos dirixidos ao público familiar. Entre eles, o grupo María Fumaça ou os seus discos en colaboración con Magín Blanco. Con este último publicou Canta o cuco, musicando a obra de Manuel María, poeta de referencia a quen Uxía dedicou dous álbums máis.  Outras das figuras das letras galegas homenaxeadas pola autora son Rosalía de Castro (Rosalía pequeniña, 2013) e Uxío Novoneyra (Uxía-O, 2018).

Ao longo de toda esta intensa andaina, Uxía buscou sempre o punto de encontro cultural entre a tradición galega e as músicas de Brasil, Portugal, Cabo Verde ou Guinea-Bisáu, acadando relevantes premios e recoñecementos. Ademais, é a directora artística do festival Cantos na Maré.

COMPARTIR:

Add comment

O teu enderezo electrónico non se publicará