Licenciouse en Xornalismo e comezou a súa carreira profesional traballando en programas informativos, pero axiña soubo Paula Cons que o seu interese principal estaba na creación audiovisual. 2004 foi o seu ano de entrada na ficción tras gañar o Concurso Interacción de Guión Camiño do Xacobeo con Ideas peregrinas, un proxecto que se converteu nunha miniserie para a produtora CTV.

Guionista, directora e produtora audiovisual

(A Coruña, 1976)

Licenciouse en Xornalismo e comezou a súa carreira profesional traballando en programas informativos, pero axiña soubo Paula Cons que o seu interese principal estaba na creación audiovisual. 2004 foi o seu ano de entrada na ficción tras gañar o Concurso Interacción de Guión Camiño do Xacobeo con Ideas peregrinas, un proxecto que se converteu nunha miniserie para a produtora CTV.

Como directora de contidos de Continental Producións, desenvolveu a TV movie Eduardo Barreiros, o Henry Ford español (2011), mellor película de televisión nos Premios Mestre Mateo e Platinum Award no Worldfest de Houston. Con Agallas Films, a súa propia produtora, foi coguionista, directora de contidos e produtora executiva da película Lobos sucios (2015), baseada na investigación sobre a batalla do volframio que libraron os aliados contra España durante a II Guerra Mundial. Sobre este mesmo tema foi produtora executiva de A batalla descoñecida (2017), distinguido como mellor documental nos Premio Mestre Mateo e merecedor do Premio CREA á mellor dirección de documental, entre outros logros.

En 2018, Paula Cons foi seleccionada polo V Laboratorio de Creación de Series da Fundación SGAE con Oro negro, un western galego. Ese mesmo ano dirixiu o docudrama El Caso Diana Quer: 500 días (2018) e a súa estrea na dirección dunha longametraxe de ficción chegoulle con La isla de las mentiras (2020), que lle proporcionou o galardón á mellor dirección nos Premios Mestre Mateo.

En 2021, Cons dirixiu para Netflix a docuserie de tres capítulos ¿Dónde está Marta?, que se converteu na sexta serie de fala non inglesa máis vista da plataforma no mundo enteiro.

COMPARTIR:

Add comment

O teu enderezo electrónico non se publicará