Iniciou a súa carreira como violonchelista desde moi nova formando parte da Orquestra de Cámara Municipal e a Banda Municipal da Coruña. En 1996 entrou no grupo Luar na Lubre como chelista e cantante, converténdose en referencia do folk galego no mundo. Xa en 2005 anunciou o seu lanzamento en solitario, que ofreceu discos como o inaugural Entre dous mares (2007), Nada que perder (2016) ou Nómade (2020). Participou tamén en bandas sonoras como Branca Madison (Carlos Amil, 1998) ou Ilegal (Ignacio Vilar, 2003).

Autora musical

(Cedeira, 1974)

Guadi Galego formouse desde moi nova en bandas de música tradicional e no conservatorio, impulsada por unha familia de amplísima tradición musical.

En 1997 entrou a formar parte de Berrogüetto como vocalista, pianista e gaiteira, e gravou con esta formación discos como Viaxe por Urticaria (1999) e Hepta (2001), calorosamente recibidos pola crítica e merecedores de varios premios e recoñecementos.

Xunta Guillerme Fernández iniciou a súa andaina máis persoal explorando novas sonoridades en Espido, e tamen fundou Nordestin@s con Abe Rábade e Ugia Pedreira. Outro traballo en colaboración foi o grupo aCadaCanto, compartido con Xabier Díaz, Xosé Lois Romero e Guillerme Fernández, que editou o disco A rosa d’Adina, no que musicaban poemas de Rosalía de Castro (recolleron o Premio Martín Códax na categoría Canción de autor).

Con Benzón inaugurou a súa carreira en solitario en 2009. En 2014 publicou Lúas de outubro e agosto, o seu segundo traballo coa súa propia marca, e en 2016 (ano no que acadou o Premio Martín Códax a Mellor artista na categoría de Canción de autor) lanzou o terceiro, O mundo está parado, con matices pop que continúan no EP Bóla de cristal. En 2019 publicou Immersion, un traballo no que reinterpretaba temas dos seus tres discos anteriores cantados en sete linguas peninsulares con artistas como Álex Ínsua, Judit Neddermann, Clara Peya, Vega, Iván Ferreiro, Alfredo González, Lisandro Aristimuño, Germán Díaz, Mikel Urdangarín ou Andrés Suárez. Posteriormente publicou Costuras (2020) e Roibén (2022).

Creadora comprometida e voz feminina referente para diferentes xeracións en Galicia, recibiu o Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado (2020), O Premio da Crítica de Galicia na categoría de Música (2015) e moitos outros galardóns.

COMPARTIR:

Add comment

O teu enderezo electrónico non se publicará