Dramaturga, directora de escena, escenógrafa, intérprete e artista visual
(Pontevedra, 1976)
Licenciada en Belas Artes, completou a súa formación en Italia na Scuola Cònia da Societas Rafaello Sanzio, dirixida por Claudia Castellucci.
Fundou as súas propias compañías: Belmondo (2000-2005) e Voadora (2007-2022), coa que asinou algunhas das súas montaxes máis emblemáticas. Desde o ano 2000 dirixe teatro e ópera para entidades como o Gran Teatre do Liceu, Centro Dramático Nacional, Teatro Real, Teatro Español, Teatre Lliure, Teatro da Abadía, Centro Dramático Galego ou MA Scène Nationale.
Entre elas destaca a estrea mundial de dúas óperas de Raquel García Tomás: Alexina B, sobre a biografía da icona intersex Herculine Barbin; e Je suis narcissiste, e a estrea mundial de A amnesia de Clío, a primeira ópera galega de gran formato do século XXI composta por Fernando Buide. Tamén adaptou algúns clásicos de Shakespeare: Othello contado desde as personaxes femininas e Soño dunha noite de verán co transxénero como tema vertebral. E non esquezamos Garage, un traballo sobre o papel da muller na industria automobilística protagonizado por traballadoras de PSA Peugeot-Citröen. Recibiu o Premio de Honra ao mérito nas artes escénicas da MIT Ribadavia, o Premio de Honra ‘Dorotea Bárcenas’ 2018 e catro Premios de Teatro María Casares como directora de escena e escenógrafa… polo de agora.
Ademais, as súas instalacións artísticas presentáronse en exposicións do Centro Galego de Arte Contemporánea e o Museo do Gaiás da Cidade da Cultura, ambas en Santiago de Compostela; e a National Gallery de Praga na Prague Quadrennial PQ23.
Add comment