Autor dramático e monicrequeiro
(Bos Aires, 1957)
Nacido en Bos Aires, iniciou a súa formación teatral na Arxentina con mestres como Alberto Ure, Augusto Fernández, Ana Labat e Eduardo Tato Paulovsky. Xa en Galicia, tomou contacto coa escena da man de Roberto Vidal Bolaño na súa compañía Antroido. Non tardaría en confeccionar os seus primeiros bonecos para a produción Teatrinho de Feiras e en 1983 estreouse como dramaturgo co texto A Guerra das Galicsias.
En 1985 creou a súa coñecida compañía Títeres Cachirulo. Ese mesmo ano participou na primeira coprodución de monicreques do Centro Dramático Galego: Ubúe no outeiro. Con Cachirulo acabaría por se converter nun referente no teatro de monicreques. A formación, á que se uniu Carmen Domech, ten desenvolvido máis de 40 espectáculos, combinando textos clásicos con autorías propias cunha gran variedade de técnicas: monicreques de fío, luva chinesa, bunraku, gran formato, pasarrúas ou teatro de sombras.
A compañía abriu en 1997 a Sala Yago, recinto cultural compostelán que recibiu o Premio Max das Artes Escénicas 2003 na categoría de Teatro Alternativo. En 1996 creou a Asociación Cultural Barriga Verde, a través da cal dirixe e xestiona o Festival Internacional de Teatro de Títeres Galicreques. Como autor publicou libros como O Rei Artur e a abominable Daha (con Marilar Aleixandre e Carmen Domech, na editorial Ir Indo) ou O inspector Ure–Obras didácticas co selo Leviatán.
Entre os seus espectáculos pódense salientar títulos como Pinocho; Camiño de aventuras; Do, re, mi, Mozart vive aquí; ou Xela contra ou Dragón Traga-Verbas, montaxe coa que Cachirulo gañou o Premio María Casares ao mellor espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas en 2023.
Add comment