Dramaturga, guionista, contadora e actriz
(Redondela, 1974)
Andrea Bayer iniciou a súa traxectoria con Xoán Couto na aula de teatro universitaria. Dende o principio especializouse na dramaturxia dirixida ao público familiar. En 2005 participou na fundación da compañía Galitoon, para a que escribiu, dirixiu e/ou interpretou montaxes como Golulá (2007), premio ao mellor espectáculo infantil na X Feria de Teatro de Castilla y León-Ciudad Rodrigo e premio ao espectáculo máis innovador na XXIV Mostra de Teatro de Rivadavia; Babiliglub (2008) ou Rosalía, a pulga que escribía (2009).
Xa en 2010, Andrea Bayer creou Baobab Teatro con Óscar Ferreira. O seu espectáculo Fíos (2011) foi finalista como mellor texto teatral en galego nos Premios Max das Artes Escénicas. Luppo (2015), unha das súas obras máis recoñecidas, reivindicou o respecto polos nosos maiores e novamente triunfou como mellor espectáculo infantil na XVIII Feria de Teatro de Castilla y León-Ciudad Rodrigo. Ademais, acadou o Premio Barriga Verde de Textos para Teatro de Marionetas con O lobo e a lúa (estreada en 2016); e Pum, pum! (2017)foi candidata aos Premios de Teatro María Casares como mellor espectáculo Infantil.
Bayer tamén organiza en Pontevedra o Festival das Núbedes, que programa artes escénicas para bebés e público familiar.
Add comment