Autora dramática
(Pontevedra, 1957)
Licenciada en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela e Diplomada pola Escola de Expresión de Barcelona.
É autora e coautora no equipo de dramaturxia de Sarabela (xunto con Begoña Muñoz, Fernando Dacosta e Carlos Couceiro), compañía teatral de referencia da que ela foi cofundadora. Tamén adaptadora, en equipo (xunto con Begoña Muñoz e Fina Calleja) ou en solitario dunha diversidade de textos teatrais.
Dende As sillas (E. Ionesco, en 1992) leva dirixidos máis de cincuenta espectáculos. Dende os primeiros, como Xacobe e o seu amo (M. Kundera, 1993), Cama dous por dous para dous (S. Belbel, 1994), A esmorga (E. Blanco Amor, 1996) ou Tics (escrito con Couceiro, Dacosta e Muñoz, 1998), Premio FETÉN á mellor dirección, espectáculo e texto orixinal, ata outros fitos máis recentes, como O Ensaio sobre a cegueira, de José Saramago, en 2015.
Traballou en celebradas adaptacións da obra de Manuel Rivas (O lápis do carpinteiro, 2000; Premio María Casares a mellor espectáculo, dirección, texto adaptado e iluminación), Calderón de la Barca (Sexismunda, 2001), Federico García Lorca (Así que pasen 5 anos, Premio María Casares á mellor espectáculo, dirección e texto adaptado 2003), Christine Nöstlinger (Konrad, 2010) ou Fernando Fernán Gómez (A viaxe a ningunha parte, 2012), por citar algunhas. Tamén recibiu o Premio XIRIA ao labor teatral na XVIII Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas.
Ademais, Cuña dirixe o FITO (Festival Internacional de Teatro de Ourense) desde a súa creación e ten sido relatora nas Universidades de Santiago de Compostela, Lugo, A Coruña, Vigo e Ourense e ten publicado numerosos artigos en revistas especializadas.
Add comment