Cándido Pazó é un dos referentes das artes escénicas en Galicia, cun recoñecemento absoluto do seu gremio e unha importante colección de premios

Autor dramático, director de escena, narrador oral e actor

(Vigo, 1960)

Cándido Pazó é un dos referentes das artes escénicas en Galicia, cun recoñecemento absoluto do seu gremio e unha importante colección de premios.

Iniciouse como autor e director en 1989 con O merlo branco, que recibiu o Premio Xeración Nós de Teatro Infantil. Dende aquela escribiu, dirixiu e interpretou ducias de espectáculos para compañías como o Centro Dramático Galego, Teatro do Noroeste, Talía Teatro, Teatro de Adro, Teatro do Atlántico, Teatro de Ningures ou Tanxarina. Pero tamén traballou para proxectos en Portugal e Bélxica. Sobre todo, foi fundador e autor titular de compañías como Tranvía Teatro, Ollomoltranvía, Abrapalabra ou, na actualidade, Contraproducións.

Entre os numerosos espectáculos escritos ou dirixidos por Pazó poderíanse citar: COMMEDIA, un xoguete para Goldoni (1993); O bululú do linier (1998); ÑikiÑaque (2000); García (2005); A piragua (2007); ou As do peixe (2013). Por estes e outros proxectos foi recollendo sucesivos galardóns nos Premios Max ou nos Premios María Casares, e tamén lle foron outorgadas diversas distincións á súa carreira: o Premio “Xograr de Outono 2009” no Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo; o Premio de Honra da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia en 2014; o Premio da Cultura Galega da Xunta de Galicia en 2014; ou o Premio “Xiria” ao Labor Teatral da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas en 2017.

Ademais, ten traballado como guionista en producións audiovisuais tan populares como as series Pratos combinados ou Mareas vivas, na TVG.

COMPARTIR:

Add comment

O teu enderezo electrónico non se publicará