Licenciado en Ciencias Políticas e Especialista en Arte Dramática pola Universidade de Santiago de Compostela (1998), viviu anos de traxectoria profesional como actor en diversas compañías: Teatro de Ningures, Teatro do Morcego, A Factoría, Nove Dous ou Balea Branca; pero tamén exerceu de codirector da Aula Universitaria de Teatro de Pontevedra. Como autor asinou títulos como O charco de Ulises, 0,7% Molotov (Premio Rafael Dieste 2009), Des-Memoria-2, Os cómicos dell'auto, Hámster…

Dramaturgo, director e actor

(Domaio, Moaña, 1974)

Licenciado en Ciencias Políticas e Especialista en Arte Dramática pola Universidade de Santiago de Compostela (1998), viviu anos de traxectoria profesional como actor en diversas compañías: Teatro de Ningures, Teatro do Morcego, A Factoría, Nove Dous ou Balea Branca; pero tamén exerceu de codirector da Aula Universitaria de Teatro de Pontevedra. Como autor asinou títulos como O charco de Ulises, 0,7% Molotov (Premio Rafael Dieste 2009), Des-Memoria-2, Os cómicos dell’auto, Hámster
En 2010, con Marián Bañobre, fundou o seu propio selo de produción: Ibuprofeno Teatro, para emprender proxectos teatrais de forma persoal e independente. O seu obxectivo era integrar a escrita dramática no mesmo proceso de creación e posta en escena das obras. Así entregaron catro espectáculos de pequeno formato: A filla de Woody Allen, Fitness, Pequenos actos pseudorrevolucionarios (Premio María Casares 2013 a mellor texto orixinal) e O furancho.

Ibuprofeno deu o salto a producións de maior envergadura en 2016 con Raclette (Premio Teatro Autor Exprés, Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais, Premio María Casares a Mellor texto orixinal e finalista a mellor autoría e dirección nos Premios Max). En 2018 levaron a escena Casa O’Rei, un xogo escénico e dramatúrxico a partir de O Rei Lear, de Shakespeare; O mel non caduca (2020) explora a relación cos obxectos, a obsolescencia programada e a degradación ecolóxica do planeta a través do universo da apicultura; e Smoke on the water (2022) propuxo unha traxicomedia sórdida ambientada no mundo do rock and roll.

Pero, ao longo deste tempo, Cortegoso seguiu a colaborar en proxectos doutras compañías. Por exemplo, Invisibles (de Redrum Teatro) deulles a el e a Marián Bañobre o galardón á mellor adaptación nos Premios María Casares 2019.

COMPARTIR:

Add comment

O teu enderezo electrónico non se publicará