AUTORES VITAIS é un álbum de experiencias arredor de referentes galegos da creación musical, a dramaturxia e a escrita audiovisual. Pero tamén é moito máis.
Esta serie de entrevistas conforma un almacén de historias, vidas, ideas e reflexións sobre unha profesión e, en definitiva, sobre a cultura do noso espazo e o noso tempo.
Nestas conversas atopamos algúns tótems do noso escaparate creativo; persoas ben coñecidas polo público, autores exemplares, guías nas súas respectivas disciplinas. Pero, sobre todo, individuos cunha chispa común: a necesidade de armar músicas, películas, danzas, comedias, DRAMATURXIA...
O que acontece entre un autor e o seu público é unha fabulosa combinación de traballo e misterio e, ademais, o oficio da creación artística obedece a estímulos diversos. Nestas conversas, que tamén son pílulas de humanidade, achegámonos un chisco máis ao backstage dos procesos creativos pero tamén, en certo modo, á nosa propia esencia. Porque cada talento é distinto, pero a suma de todos eles dinos quen somos como sociedade e como cultura.
AUTORES VITAIS é un proxecto da Fundación SGAE impulsado polo Consello Territorial da SGAE en Galicia.